Tuesday 17 de September de 2024

Aberto ata o 10 de setembro o prazo de presentación aos Premios SELIC para obras ambientadas ou relacionadas con Compostela


As persoas intesadas en participar nos Premios SELIC de creación literaria poderán presentar as súas propostas en galego nos xéneros de narrativa, poesía, teatro e ensaio ata o vindeiro 10 de setembro. Convocado polo Concello de Santiago, o obxectivo deste certame de incrementar a presencia de Compostela na literatura escrita en galego. A obra gañadora recibirá unha dotación económica de 6.000 euros e haberá outros dous accésits de 1.500 euros.

Os textos deberán ser inéditos, coa cidade de Santiago como marco da acción ou referencia fundamental da obra. Os premios conlevan a publicación na colección SELIC que edita o Concello de Santiago, renunciando as persoas gañadoras a percibiren dereitos de autoría por esta publicación.

As obras presentadas a narrativa ou ensaio deberán ter un mínimo de 150.000 caracteres, incluídos espazos. As presentadas á modalidade de poesía un mínimo de 350 versos; e as de teatro, un mínimo de 50.000 caracteres, incluídos espazos. Os premios estarán suxeitos ás retencións fiscais que correspondan.

O xurado estará composto por cinco persoas representativas do sistema literario galego, podendo declarar desertos os premios. Non terá en consideración aqueles orixinais que non se axusten estritamente ás presentes bases, nin os que foran premiados noutros certames literarios.

Presentación de propostas

As persoas participantes deberán remitir ao Concello de Santiago (apartado de correos 10 – 15780 Santiago) a obra en arquivo dixital (formato doc, docx ou odt) nun lápis de memoria e un exemplar en papel. A proposta estará acompañada por un sobre pechado identificado cun lema ou pseudónimo e conterá o título da obra, nome e apelidos do/a autor/a, domicilio, DNI, breve currículo, correo electrónico e teléfono de contacto.

O veredicto do xurado será inapelable e farase público no mes de decembro deste ano.